Saltar menú


Imprimir Enviar

Noticias

FIL

Cultura e Turismo defenderá na Feira Internacional do Libro de Guadalajara (México) a candidatura de Galicia como convidada de honra na edición de 2011

[21/11/2009] A Consellería de Cultura e Turismo e a Asociación Galega de Editores compartirán stand propio no acontecemento editorial mexicano, que comeza o próximo día 28 de novembro, e no que participarán máis de 500 autores de 27 países.


Santiago.- A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, promoverá a presenza do sector do libro galego na Feira Internacional do Libro de Guadalajara (México) a través dun stand compartido coa Asociación Galega de Editores, no que estarán representadas un total de 24 editoriais. Esta liña de promoción vén apoiada no éxito obtido pola delegación galega nas feiras internacionais do libro de Madrid (Líber) e Frankfurt.

No evento que comeza o próximo 28 de novembro, a Consellería de Cultura e Turismo, representada polo director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, xunto aos representantes da Asociación Galega de Editores e da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de A Coruña proporán que Galicia sexa convidada de honra na edición do ano 2011. Segundo Francisco López trátase dunha proposta ambiciosa pero realista, consciente da importancia desta feira internacional como plataforma para dar a coñecer o noso sector editorial e a creatividade dos autores galegos.

Dentro dos actos organizados pola delegación galega, a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura levará a cabo un taller de ilustración e de banda deseñada que será aberto ao publico e que contará coa presenza de dous autores de grande prestixio: Kiko Dasilva e Carlos Portela.

A Feira Internacional do Libro de Guadalajara, que se celebrará ata o 6 de decembro, contará coa participación de máis de 500 autores de 27 países diferentes e acollerá máis de 600 actividades literarias e culturais. A cidade de Los Angeles será a convidada de honra nesta edición, na que amosará a súa diversidade cultural a través dunha escolma da súa produción editorial e de diferentes expresións artísticas. Na edición de 2008, un total de 6.000 persoas visitaron a FIL.



Podes subscribirte ás novidades desta web cun lector de feeds  RSS Noticias RSS Axenda RSS Avisos

Accesibilidade | Aviso legal